a primeira comuñón

Páxina dun catecismo que exalta a "pureza" de Santa Inés.
Anos 60.

A primeira comuñón é un rito cristián, un dos sacramentos, que consiste en recibir por vez primeira o “corpo e o sangue de Cristo”, sustancias nas que se transformarían o pan e o viño tras a consagración.
Para dar este paso, que marca o momento en que nenos e nenas comezan a ter “uso de razón” sendo, polo tanto, responsábeis dos seus bos e malos actos, que poden confesar, é precisa unha preparación, que consiste en acudir, polo menos unha vez á semana, á “doutrina”, clase que imparte o sacerdote e que consiste en aprender o catecismo, texto que contén os aspectos principais da doutrina católica.
As nenas da Galiza tradicional aprendían cal era o papel que Deus demandaba delas para poder ser admitidas na comunidade dos cristiáns: debían ser nais sufridoras, coma a Virxe María, abnegadas esposas, obedientes “porque Dios así lo manda” e puras, toda vez que, unido ao catecismo, soían engadirse normas de “boa conducta” e vidas exemplares de santos.
Na Galiza tradicional non soía haber festa nin agasallos despois da celebración, a diferenza do que sucede actualmente, sendo a primeira comuñón, hoxe, sobre todo un acto social, de xuntanza familiar, e unha ocasión máis na que o consumismo é a pauta a seguir.

Primeira comuñón.
Neiras (Sober), ano 1992.
 
A cor predilecta do vestido de comuñón das nenas, que na Galiza tradicional soia reducirse a un manto cuberto, é agora o branco.

Sem comentários:

Enviar um comentário