11 de marzo: mulleres galegas en loita polos nosos dereitos!


Convocamos para o día 9 de marzo, ás 20:15 horas, na Casa da Cultura de Monforte de Lemos, para un acto do Sindicato Labrego Galego e da Marcha Mundial das Mulleres no que se tratará sobre a incidencia dos recurtes das administracións nos dereitos das mulleres.

Contaremos coa presenza de Lidia Senra e Ana Rodríguez, do Sindicato Labrego Galego.

Estes actos seguen a dinámica da área de Muller do SLG, confluíndo nunha manifestación nacional o domingo 11 en Compostela.

Juanita de Paderne, guerrilleira carlista

Carmen Xoana García Carbajal, coñecida como Juanita de Paderne, foi unha guerrilleira carlista, amante do famoso guerrilleiro Fernando O Ebanista.
Era filla do avogado chantadino Ignacio García Moure - chegou a ser alcalde de Chantada - e de Juana de Carbajal, señores de Paderne de Abaixo, na parroquia de Muradelle, Chantada.
Dá noticia dela Francisco Tettamancy Gastón no Boletín nº 10 da Real Academia Galega, pp. 222 - 226 (ano 1907), que se pode consultar en liña aquí.

* O dato atopámolo no prólogo da Poesía Completa de Xosé Lois García, escrito por Camilo Gómez Torres (ano 2011).

Cronoloxía das mulleres galegas (I): Prehistoria e Historia Antiga

Fonte: LLINARES GARCÍA, MAR (2010): Historia das mulleres en Galicia. Prehistoria e Historia Antiga. Xunta de Galicia e Editorial NigraTrea.

Estela funeraria de Apana, de Crecente, Lugo.
PREHISTORIA

Carencia, en Galicia, de restos humanos prehistóricos susceptíbeis de que fose determinado o seu sexo.

Non existen representacións figuradas femininas na Prehistoria galega.

HISTORIA ANTIGA

Os autores antigos atribúen ás mulleres galegas a realización dos traballos agrícolas (Estrabón, Silio Itálico, Xustino).

A porcentaxe feminina de adicantes de inscricións funerarias no noroeste ibérico é moi alta (case o 50%) con respecto a outras zonas do Imperio Romano, especialmente nas zonas menos romanizadas.

Nabia e Reva: deusas galaicas femininas relacionadas coa guerra (consérvase unha adicatoria a Nabia ofrecida por unha muller).

Só hai tres adicatorias de mulleres a Xúpiter e só unha a Lares Viais. As mulleres supoñen a terceira parte das adicantes ás Ninfas. Cibeles e Isis reciben cinco adicatorias femininas no noroeste peninsular.

Salvo Estrabón, as fontes non permiten afirmar a existencia dunha xinecocracia ou matriarcado na Gallaecia.

Presenza, no convento bracaraugustano, de flaminicas: sacerdotisas do culto ás emperatrices divinizadas.

Importancia do papel feminino no priscilianismo. Virginia Burrus (1995) interpreta o priscilianismo como a expresión dun movemento de agrupación de mulleres, que desenvolvía un modo de sociabilidade feminina á marxe da autoridade masculina.

c. 381 – 388 (data máis aceptada: 383) – Peregrinaxe de Exeria a Terra Santa. A suposta orixe galega de Exeria é moi dubidosa: non hai ningún dato para afirmalo.

Consuelo Alonso González ("a Comunista")

Consulta a exposición "Vermellas" aquí.
Consuelo Alonso González, coñecida como "a Comunista", era unha vendedora de xornais, natural de Asturias, que traballaba en Monforte de Lemos. Casada e con catro fillos, foi detida e rapada en 1936, sendo liberada.
Posteriormente, en 1938, foi detida e xulgada en Lugo, acusada de rebelión militar, sendo executada aos 40 anos o 13 de maio de 1938 nas tapias do cuartel de Lugo.
Consuelo é unha das dúas mulleres condenadas a morte en consello de guerra en Galicia na etapa franquista. 
María Xesús Souto Blanco* sinalou, respecto a este caso, que a súa execución hai que enmarcala no contexto do curso que estaba a levar a Guerra Civil, coas recentes dificultades do exércido sublevado na batalla de Teruel, pois Consuelo facía propaganda denunciando as falsidades da información oficial do réxime.

* Conferencia de María Jesús Souto Blanco no I Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero. A información sobre este aspecto da condena pode ampliarse no artigo da mesma autora "Realidad objetiva, propaganda y pararrealidad oficial", en Congreso Internacional de la Guerra Civil Española.