A TERRA NAI

A sega.
Anos 70, Bolmente (Sober).

Hai uns 10.000 anos as mulleres do Próximo Oriente, responsábeis da recolección de froitos silvestres, alimento que supoñía unhas tres cuartas partes da dieta paleolítica, comezaron a ensaiar co cultivo de graos, descrubrindo así a Agricultura.
O novo modelo de producción de alimentos cambiou a civilización: formáronse núcleos poboacionais máis estables e sociedades máis complexas.
Houbo un tempo de harmonía do ser humano coa natureza, pero pronto o home comezou a acumular excedentes agrícolas, confinar ás súas compañeiras no ámbito doméstico e facer cidades cada vez máis grandes.
Triunfou a lóxica do dominio cara o III milenio antes da nosa era: a imposición das cidades imperialistas sobre outros pobos, do terratenente sobre o servo, do home sobre a muller.
A orixe da propiedade da terra é a orixe da inxustiza.
De ser a terra nai dadora de vida, á que hai que coidar e respectar, pásase, coa urbanización, á consideración da natureza coma terreo perigoso ao que o home pode domesticar.
A muller considérase natureza, salvaxe, imcomprensíbel, á que o home, identificado coa "civilización", debe domeñar, do mesmo xeito que o arado, símbolo do pene, perfora na terra para sementala.
Na Galiza, o coñecemento do cultivo de alimentos chega do sul cara mediados do V milenio antes de Cristo.
As labregas galegas traballaron sempre man a man cos homes, mesmo sendo elas as responsábeis da marcha da casa e facenda en moitos casos pola alta taxa de emigración masculina galega, estacional (segas) ou de longa duración (a América, a Europa), dende finais do século XVII. 
* Acceder ás fotos aquí.