Mostrar mensagens com a etiqueta mulleres creadoras. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta mulleres creadoras. Mostrar todas as mensagens

Gloria fernández, pintora monfortina

[Entrada sobre Gloria Fernández na Enciclopedia Galega Universal].



Pintora (Monforte de Lemos, 1913 - Madrid, 1996). En Madrid asistiu a clases de pintura con Manuel Gutiérrez Navas. Cultivou a paisaxe, o retrato e a pintura floral, especialmente ó óleo, cun carácter imaxinativo. Empregou as tonalidades sombrías e, co paso do tempo, a pincelada empastada. Realizou exposicións en Monforte de Lemos, Lugo, A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo e Madrid e participou, en mostras colectivas, como o XXXVII Salón de Otoño de Madrid (1966), na Primeira Bienal Rexional de Arte de Pontevedra (1970) e na Primeira Bienal Nacional de Arte de Pontevedra (1971). Recibiu, entre outros galardóns, o primeiro premio de pintura da XVI Exposición Provincial de Arte (Lugo, 1957), a mención especial ó conxunto da súa obra na XIX Exposición Provincial de Arte (Lugo, 1960) e a terceira medalla do Salón de Otoño de Madrid (1963).


[Na foto, co seu sobriño, o artista Roberto González Fernández (aquí).

Mulleres nun grupo de danza tradicional



Grupo de música e baile tradicional.
Chantada, data descoñecida.

vestidas co traxe "típico" galego



Mulleres vestidas co traxe de baile galego.
Chantada, data descoñecida.

trobador, xoglar e soldadeira no mosteiro de Ferreira



Canzorros da igrexa do mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón, que representan un grupo trobadoresco - de esquerda a dereita -: trobador, xoglar e soldadeira.
Mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón.

* Para máis información sobre as soldadeiras e a lírica galego-portuguesa, consulte outra entrada deste blog (aquí).

soneto de Isabel de Castro y Andrade


Isabel de Castro de Andrade (Pontedeume, ca. 1528 - 1582) foi a filla máis nova do IV Conde de Lemos, Fernando Ruíz de Castro Osorio e Portugal (1505 - 1575) e Condesa de Altamira, por matrimonio en 1555 con Rodrigo de Moscoso Osorio, V Conde de Altamira. 
Trátase da primeira escritora galega coñecida cuxa única obra en galego - tamén é autora de versos en castelán - é un soneto na honra de Alonso de Ercilla, escrito en 1578 con motivo da publicación da segunda parte de La Araucana.
O soneto, que se reproduce a continuación, a partir da versión da colección A Nosa Literatura, da editorial A Nosa Terra, é un dos escasos exemplos coñecidos de literatura galega culta durante os Séculos Escuros (XVI - XVII).

SONETO DE DOÑA ISABEL DE CASTRO Y ANDRADE
A DON ALONSO DE ERCILLA

Aracana naçaon, máis venturosa,
máis que quantas hoge ha de gloria dina,
pois na prosperidade e na ruína
sempre envexadas estás, nunca envexosa.

Se enresta o ilustre Afonso a temerosa
lança, se arranca a espada que fulmina,
creio que xulgareis que determina
só o conquistar a terra belicosa.

Faraa, mais nâo temais essa mao forte,
que, se vos tira a liberdade e a vida,
ela vos pagará ben largamente.

Que, a troco dúa breve e honrada morte,
co seu divino estilo, esclarecida
deixará vossa fama eternamente.

Olga Novo

Olga Novo (Vilarmao, Pobra do Brollón, 1975).
* Biografía e obras aquí.

Maruxa Villanueva, cantante e actriz natural da Barrela

A actriz e cantante Maruxa Villanueva foi unha gran divulgadora da figura de Rosalía de Castro, coidando da súa casa natal dende 1971 ata a súa morte, en 1998.
* Accede á súa biografía aquí.

Julia Varela Fernández, socióloga de Vilaúxe

Julia Varela, Catedrática de Socioloxía na Universidade Complutense de Madrid, naceu no lugar de A Ulfe, en Vilaúxe, Chantada, en 1942.
* Accede aquí ás publicacións de Julia Varela.
A súa obra A Ulfe. Socioloxía dunha comunidade rural galega, gañadora do premio Vicente Risco de Ciencias Sociais no 2004, pretende ser unha homenaxe ás "xentes que fixeron posíbel a rica civilización rural galega".

Celia Fernández Figueroa, reivindicación feminista en Merlán (Chantada)



Celia Fernández Figueroa naceu na casa de Pumar, parroquia de Merlán, en Chantada, o 17 de Xullo de 1896, no seo dunha familia de labregos medianos por parte de pai e con antepasados artesáns pola rama materna: o seu avó executou pola comarca imaxinería e retábulos neoclásicos, coma o da ermida do Faro.
Esta muller, que estudou de nena en Madrid, no Colexo das Josefinas, amosou dende nova gran paixón pola lectura, devorando literatura, o que lle deu certa popularidade entre as compañeiras.
Posteriormente, comeza Maxisterio, abandonando ao pouco para matricularse en Dereito na Universidade de Compostela, sendo, posibelmente, a primeira muller en facelo nesta universidade, no curso 1923-24. Unha vez licenciada en 1932, Celia remata Maxisterio e pasa a exercelo, primeiro en Lugo, logo, nos anos corenta na Fonsagrada, e finalmente en Nogueira de Miño, Chantada, ata a súa morte en Xuño de 1962.
Xosé Lois García di que “no senso educativo cabe destacar a súa manifesta crítica aos sistemas pedagóxicos tradicionais que ela sempre rexeitou e modificou tanto nas funcións de alumna coma de educadora”.
Celia deixou escrita unha novela, inédita, de máis de mil folios, na que aborda a problemática da muller: La huérfana de Sevilla “La Quijotesca”.
Xosé Lois García comenta que “a autora plantexa e somete a crítica o asoballamento da muller e o conflicto familiar dende unha óptica social”.
Celia Fernández Figueroa, deixou escritas na súa novela lúcidas e reinvindicativas reflexións, coma as seguintes, correspondentes ao Prólogo:

¡Ilustrar el alma de la mujer!
para que ella, maestra, sabia y dulce, pueda llevar un poco de luz a esas cavernosidades del corazón del hombre; es porque mi pluma ha escrito estas humildes líneas 
sobre el papel.
¡Jóvenes españolas: Leed, aprended, no dejéis que ellos os atropellen      
vuestros derechos!
Toda la responsabilidad de la historia,
recae suave, sobre el corazón de la mujer.


Pilar Vázquez Cuesta

Natural de Chantada (1926) é filla de relevantes persoeiros: o seu pai foi Daniel Vázquez, deputado da ORGA nas Cortes Constituíntes de 1931; a súa nai foi Modesta Cuesta, a primeira muller licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela.
Pilar Vázquez Cuesta cursou Filosofía e Letras na Universidade Complutense de Madrid, licenciándose en 1946, obtendo o doutorado quince anos despois. En 1962 foi nomeada adxunta de Filoloxía Románica no mesmo centro universitario. En 1976 acadou, por oposición, a praza de agregada de Lingua e Literatura Portuguesas na Universidade de Salamanca, da que foi catedrática dende 1982.
* Acceder ás obras de Pilar Vázquez Cuesta aquí.

Teresa Moure

Teresa Moure (Monforte, 1966).
* Accede aquí á súa autobiografía e obras.

María Mariño no Courel: dinamiteira da fala



María Mariño (Noia, 1907 – Parada do Courel, 1967)

En 1947 María Mariño chega a Romeor, no Courel, co seu marido Roberto Posse, mestre, destinado á escola da localidade, e coa súa nai, que morre alí o mesmo ano.
En Romeor queda a parella ata 1950, cando se trasladan a Parada, consello do médico do Courel para facer remitir a depresión na que María Mariño caera tras a morte da nai. Na escola de Parada, onde vive ata 1967, ao carón da casa dos pais de Novoneyra, María daba clase aos alumnos cando faltaba o seu marido. Un antigo alumno di que "ela daba máis escola que el. Roberto era xordo e ía buscar leña para a estufa, para a cociña de leña, e ela daba as clases".
En Parada, Roberto e María traban amizade con Uxío durante os anos en que o poeta repousa na casa natal (1953 – 1962) por mor dunha enfermidade pulmonar contraída na mili.
Din as antigas alumnas dos poemas de María que "ela escribía e Novoneyra corrixía". Ambos poetas foron grandes amigos, como testemuña Uxío: "Falamos horas e horas, durante anos". Di Carmen Blanco, estudosa da súa obra, que foi o poeta do Courel quen influíu decisivamente para que María Mariño escribise en lingua galega (accede aquí á publicación O misterio de María Mariño, de Carmen Blanco).
Os prexuizos machistas crearon o rumor de que era Novoneyra quen realmente escribía os poemas da autora.
No Courel, María Mariño adquire para a súa poesía a identificación coa natureza e un vocabulario rico, propio da serra. En 1963 publica o seu primeiro poemario, Palabra no tempo, na Editorial Celta de Lugo, coa inestimable axuda de Novoneyra.
En 1990, Novoneyra, Avilés de Taramancos e o Concello de Noia promoven a edición de Verba que comeza, mostras dos poemas escritos por María no derradeiro ano de vida, enferma de leucemia (accede aquí ao artigo publicado por Uxío Novoneira: María Mariño ha muerto).
A siguralidade da poesía de María Mariño "vén dada polo peculiar troco de adxetivos por substantivos cos que provoca a chamada ruptura da linguaxe, personalísimo e inusual intercambio sintáctico que levou a Uxío a chamala Dinamiteira da fala".

Bibliografía
- VÁZQUEZ SAAVEDRA, MERCEDES; María Mariño. Do mar de Noia á serra do Courel. Consellaría de Cultura e Deporte. Asociación Cultural Fonte do Milagro. 2007. A esta obra pertencen os entrecomillados.
- Album de Mulleres. Consello da Cultura Galega. http://www.culturagalega.org/album

* Accede aquí a unha selección de poemas de María Mariño.


soldadeira en San Miguel do Monte (Chantada)

Escena de baile cortesán de época medieval, con músicos e soldadeira.
Tímpano da porta sur de San Miguel do Monte (Chantada), s. XII.

Tem-se injustamente acusado a um dos géneros maiores da lírica medieval hispánica feita em romance Ocidental, a cantiga d' amigo, de ser popular e ingénua, umha sorte de lírica espontánea e autóctone da Gallaecia Magna que manifestaria a alma colectiva do povo galego. Menéndez Pidal falava dumha “hábil simplicidade” que se oporia com a maior feiçom das cantigas de amor importadas directamente da Ocitánia. No entanto, e como Tavani assinala as cantigas d' amigo “são o que de menos ingénuo e espontâneo, o que de mais elaborado e literário se pode imaginar”.


A cantiga d' amigo liga-se com toda a poesia que na Europa tinha como eu lírico a umha mulher, feito inusitado numha sociedade sob o rígido controlo do patriarcado. Exemplo destas outras cançons de mulher som as chansons de toile, as cançons de mal – maridada, as lamentaçons pola partida do cruçado... e ainda muitas outras na poesia siciliana, bizantina ou alemá da Idade Média. Nom podemos tampouco obviar as kharağat, os versos finais das muwaššahat árabes que iam em romance moçárabe e onde as mulheres dialogavam com o seu habib, o amigo das nossas cantigas. Contodo, cumpre pôr em destaque que a cantiga d' amigo é um género por inteiro e nom umha produçom fragmentária ou complementar e que, portanto, alcança umha profundidade e requintamento únicos na Europa.


Em todo caso, esta poesia de mulher aponta para umha realidade anterior ao século XII, quando após a queda do Império Romano o estatus da mulher viria-se sensivelmente melhorado, em especial pola sobrevivência nos povos germánicos do direito gentil e polo acesso à propriedade das mulheres nobres na Ocitánia onde atingiu um grau de liberdade – como se pode ver numha análise da poesia ocitana e da heresia dos albigenses – que tardaria séculos em repetir-se.


A falta, infelizmente, dumha recessom completa das cançons de mulher nas diferentes traiçons europeias e mediterráneas, que permita estabelecer as características e a tipologia de cada domínio, semelha que a tese mais plausível é a da monogénese da poesia “feminina” medieval. Umha poesia feita polos homes e para os homes – com a salvidade das trobairitz ocitanas –, ainda que com um ressabio popular que indubitavelmente tivo que servir-lhe de suporte para umha elaboraçom dos elementos repertoriais culta desenvolvida nas cortes ibéricas em constante diálogo nom apenas entre os autores, mas tamém com a poesia lírica ocitana, a primeira lírica de expressom romance em toda a Europa – o termo poeta reservava-se para os produtores em latim – . Resulta paradoxal que os principais focos daquela lírica, a Ocitánia, a Sicília, a Catalunya e a Galiza sejam hoje naçons sem estado que compartilham umha mesma luita pola sua emancipaçom. A história europeia foi da épica e da barbárie e nom da lírica e o diálogo. A história foi, em definitiva cousa dos estados e nom dos povos.
O outro papel que jogou a mulher no “espectáculo trovadoresco”, como António Resende de Oliveira o tem definido, foi como soldadeira. O seu nome recebem-no da soldada que recebiam por dançar e bailar. As referências literárias a estas mulheres, em que destaca Maria Balteira, conhecemo-las polas cantigas de escarnho e maldizer, mas nunca faziam referência à sua arte, mas as alusons da sua condiçom de “mulheres de má vida” desde as inalteradas convençons patriarcais do onte e do hoje. As soldadeiras eram mulheres excluídas num mundo onde só o convento ou ou o matrimónio eram opçons possíveis. O “pecado” da Balteira foi ser fidalga e decidir-se por um ofício próximo à prostituiçom. Ao igual que os trovadores se mofavam dos jograres que aspiravam a saltar-se o corsé estamental da sociedade medieval, a Balteira foi alvo de hiperbólicos ataques por ser mulher e elixir o seu próprio caminho sem tutelas masculinas durante os reinados de Fernando III e Afonso IX da Galiza (X de Castela). Tanto é assi que Maria Balteria remata por erguer-se como um tópico literário das cantigas escarninas e como um símbolo para todas as galegas de qualquer época... e a puta rebelde tornou-se em santa proletária para os anseios de emancipaçom de meia humanidade sistematicamente negada e humilhada por umha monogamia unidireccional.
* Texto: colaboración de Antom Fente Parada.

* Foto: Alfonso Campos.

Natividad Montes, pianista e organista nas Clarisas

Natividad Montes Núñez, nada en Lugo en 1868, foi unha destacada pianista e organista que ingresou aos 24 anos no convento das Clarisas de Monforte, onde profesou como Sor Natividad del Niño Jesús até a súa morte en 1944. 
Era sobriña e afillada do gran compositor lugués Xoan Montes, quen lle adicou moitas composicións e lle enviaba a miúdo música para que fose interpretada na liturxia do convento.
Sor Natividad, ademais de gran instrumentista, debía ter coñecementos de composición, pois encargábase da dirección e organización da actividade musical das Clarisas.

* Fonte: VVAA; Itinerarios Histórico-Musicais de Monforte de Lemos. Ed. Ouvirmos, 2008.

marchando máis alá - Carmen Blanco


Mulleres libres polo mundo mulleres libres partimos
Morganas nadas no mar das illas dos mares libres vimos nós
Alicias Galicias libres con luces nos ollos libres imos
Cos corazóns collidos nas mans collidas das mans nós camiñamos
Pasos libres acompasados co paso das parias trazamos
Pasamos nós polas cidades libres cidadás libres con vós
Mulleres libres polo mundo mulleres libres marchamos
Morganas nadas no mar das illas dos mares libres somos nós
Vivas ventres vivos contra a violencia libres bailamos
Libres corpos libres polas carballeiras cantamos libres con vós
Labios libres con liberdade a auga nas fontes bebemos
Cruzamos nós territorios libres criaturas libres sen dor
Mulleres libres polo mundo mulleres libres andamos
Morganas nadas no mar das illas mareas libres levamos nós
Sabias sentidas contra os poderes libres pensamos
Libres mentes libres razóns e alegría con elas nós actuamos
Pan e rosas para compartir partimos os soños cumprimos
Amamos nós polos espazos libres humanas libres fragor
Mulleres libres polo mundo mulleres libres chegamos
Morganas nadas no mar das illas aos mares libres imos nós
Xustas valentes contra a escravitude libres loitamos
Libres seres libres con independencia vivimos libres con vós
Luz e lume propagadoras de paz o progreso traemos
Avanzamos nós polos lugares libres persoas libres clamor


* O himno galego da Marcha Mundial das Mulleres do ano 2000 foi escrito por Carmen Blanco, escritora lucense con raiceiras en Bóveda. Centrouse especialmente nas interrelacións de poder, muller, sexo, cultura e literatura, temática na que abriu camiño en Galicia cos libros Literatura galega da muller, Escritoras galegas, Libros de mulleres, O contradiscurso das mulleres, Nais, damas, prostitutas e feirantas, Mulleres e independencia, El contradiscurso de las mujeres (versión actualizada da obra homónima traducida por Olga Novo), Luz Pozo Garza: a ave do norte e Alba de mulleres. Promoveu o feminismo independente en Galicia dende os anos setenta. (Ler máis sobre Carmen Blanco aquí).