O pobo dos xacios, homes e mulleres anfibios de aspecto humano, vive nas pozas máis fondas do río Miño, entre as terras lemavas e as chantadinas.
As fermosas xacias atraen aos mozos do lugar, non só pola súa beleza, senon tamén polos tesouros que agochan no máis fondo do Miño.
Os xacios e xacias son moi semellantes a outros seres míticos nórdicos.
Tamén se conta que había mulleres-peixe no regato do Bao, en Sober.
Tamén se conta que había mulleres-peixe no regato do Bao, en Sober.
LENDA - A xacia que casou en Vilar de Ortelle
Un veciño de Vilar de Ortelle topouse cunha fermosa xacia na beira do Miño, que lle dixo que a bautizase, para desencantarse e casar con el. Así fixeron e daquel matrimonio naceron uns nenos aos que lles gustaba tanto a auga que pasaban o tempo a bañarse no río, tanto que o pai, furioso, un día lles berrou:
- ¡Ídevos daquí, fillos dunha xacia!
Dende entón, o matrimonio nunca volveu ser feliz. Como o home estaba sempre malhumorado, a xacia decidiu marchar e volver cos da súa estirpe. Pero, os xacios, en castigo por terse feito cristiá, descuartizárona no fondo do río. Cando o marido a foi buscar, atopou tan só as entrañas da xacia flotando nas augas.
Andando o tempo, a filla máis nova daquel casamento, que era a que levaba o gando ao monte, fíxose amiga dunha xacia que viña visitala e lle regalaba graos de millo que se lle voltaban ouro na faldriqueira, ca condición de que non contase nada a ninguén, pois se non obedecía levaríana as xacias para sempre.
A nena, de nome Sabela, rematou por contarllo a seu pai e, un día que foi ao monte non regresou.
O pai marchou na súa procura e andivo ao redor do castelo de Marce por ver se aparecía, viva ou morta.
Canso de berrar por ela, cando voltaba para a casa sen esperanza de volver ver á filla, escoitou unha voz fonda que dende o curuto do castelo lle dicía:
- Sabeliña, Sabelón,
fritida está en aceitón.
E o home renegaba daquela xacia maldita que coñecera á beira do río.
Sem comentários:
Enviar um comentário